A IMPORTANCIA DAS REDES SOCIAIS

Recordas como era a túa vida antes da pandemia? Quizais penses que non cambiou moito, pero se reflexionas verás que as cousas son ben distintas a todos os niveis. Entre eles, a nosa forma de comprar… e de vender.

O confinamento e o obrigado peche de tendas e negocios fixo que en moitos casos o pequeno comercio se lanzase cara a rede implementando a venda a través de “marketplaces” coma Pasea por Fene ou mediante tendas online propias.

Pero tan importante coma contar cunha ferramenta que che permita vender a través de internet é ter presencia nunha ou varias redes socias, pois estas son un elemento de referencia clave para a maior parte dos compradores.

Se recordas, cando falabamos do cliente dixital diciamos del que estaba hiperinformado. Antes de mercar buscaba gran cantidade de datos e opinións respecto ao produto que lle interesaba. Segundo estudos recentes, máis da metade dos usuarios busca esa información nas redes sociais antes de decidir a compra.

Grazas ás redes sociais podes chegar dunha forma máis rápida, sinxela a eficaz aos teus clientes potenciais, coñecer as súas demandas e, en última instancia, vender os teus produtos. En definitiva, as redes permítenche segmentar o mercado e darlle o que demanda.

Cales son as súas vantaxes para o teu negocio?

  1. Son un excelente escaparate virtual para dar a coñecer o teu produto polo miúdo as 24 horas do día, os 365 días do ano.
  2. Xeran interacción e confianza co cliente. A través delas podes dar consellos, resolver dúbidas, axudar na busca do produto ideal…  Todo elo é unha boa base para fomentar a confianza, propiciar comentarios positivos e atraer novos clientes.
  3. Segmentar o mercado. A inversión en publicidade nas redes é sempre máis rentable que nos canais tradicionais, pois permíteche chegar ao teu cliente ideal con máis facilidade, segundo parámetros como a idade, intereses, sexo ou lugar de residencia.
  4. Axudan a fidelizar o cliente, que pode estar permanentemente en contacto co teu negocio. Ofertas, descontos, novidades, cambios de horario, peches… un contacto estreito é a mellor forma de fomentar a proximidade.
  5. Mellora a postventa. Unha resposta solícita sempre xerará confianza e aportará unha visión positiva do teu negocio ao resto de usuarios.
  6. Permíteche mellorar. As redes sociais aportan valiosa información sobre os teus puntos fortes e débiles, información que che vai chegar de primeira man a través dos propios clientes.

Primeiros pasos nas redes sociais?

Xa o falamos algunha outra vez. Para aproveitar ao máximo as redes sociais no teu negocio é necesario ter un plan, unha estratexia de marketing dixital. Contar coa axuda dun profesional sería o ideal, pero non sempre é posible. Así que só tes que pensar o que queres conseguir nelas e como o vas facer.

Se ti es usuario das redes sociais a nivel particular, analiza o que ti fas, o que buscas, o que che gusta e adáptao ao teu negocio e empresa.

E se non o tes claro comeza por

  • Espertar interese pola túa marca: fala de como é o teu comercio, os valores da túa empresa, preséntate a ti e a o teu equipo…
  • Xera confianza: Parte da honestidade, sé ti mesmo e diríxete ao teu cliente. Tenta que, tras coñecerte nas redes, queira visitar a túa tenda (dixital ou física)
  • Non vendas directamente os teus produtos e servizos, pero fala deles: conta que ofreces, como se usan, as vantaxes que aportan…
  • Inclúe enlaces á túa tenda ou á túa web.
  • Mantén o contacto cos teus clientes. Interactúa con eles sempre que poidas. Contesta comentarios, sé amable, axúdaos…
Comparte!

Publicaciones Similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *