Dixitaliza o teu negocio

“É imposible competir con Amazon”. “Agora a xente todo o compra por internet”. “Xa ninguén vai ás tendas”. Cantas veces oíches ou incluso dixeches estas frases? Pois que saibas que son mentira. Ou, a lo menos, son só verdades a medias. Nin é IMPOSIBLE competir, nin a xente o compra TODO online, nin NINGUÉN son tódolos nosos clientes.

É certo que o actual escenario dixital non é o máis favorable para os pequenos negocios e emprendedores, pero tamén que detrás de cada atranco xorde unha oportunidade. Para aproveitala terás que ser capaz de asumir que a transformación dixital do teu contorno de negocio é a principal opción que tes para seguir sendo competitivo.

Pero de que che falo cando digo que tes que dixitalizar o teu negocio? Pois nin máis nin menos de que tes que reinventarte e facelo coa tecnoloxía coma aliada. Non se trata de poñerse a usar as ferramentas tecnolóxicas que tes ao teu alcance así, sen máis, senón de definir unha estratexia de negocio en función das novas “regras do xogo”.

Xa ves, como todo na vida, hai que ter un plan. Pero tamén a mente aberta para entender que os novos tempos requiren dun gran cambio, pero que este non vai ser moi distinto a outros moitos que o sector do comercio teña xa vivido. Só has de ter claro que negar a dixitalización é eliminar calquera posibilidade de posicionarte fronte aos grandes competidores.

Por onde comezo?

O ecommerce, é dicir, a venda a través de internet, é unha tendencia imparable que non ten volta atrás. Por iso, os pequenos comerciantes non poden quedar fóra. O comercio físico segue a ser importante, a atención personalizada e de proximidade é a túa gran baza para crear experiencias de compra, pero deberás potencialo da man desa dixitalización para conseguilo.

Hai uns anos dicían que o que non saía pola televisión non sucedía. Pois hoxe, o que non está en internet, basicamente non existe.

Como introduzo o meu comercio en internet?

O ideal sería comezar por crear unha páxina web centrada en dar resposta ás preguntas do teu cliente: Cal é o teu negocio? Que vende? Onde está? Esta información pódela acompañar cun enlace a un catálogo de produtos e prezos e unha ficha coa información de contacto.

Se queres ir un paso máis aló, podes incluír unha tenda dixital. Unha ferramenta de venda directa online.

Tanto para o primeiro como para o segundo existen ferramentas gratuítas na rede de fácil manexo. Tamén podes acudir a un profesional que preste este tipo de servizos. No teu caso, as cousas son máis doadas aínda, pois o Proxecto Pasea por Fene consiste precisamente niso, nunha plataforma de venda online na que nós mesmos poñemos todos os medios técnicos e humanos para que podas elaborar o teu escaparate online de forma sinxela, sen custo algún.

Nós facilitámosche as ferramentas e creamos a estrutura que vai quedar aí para ti para sempre.

As redes sociais, ese gran escaparate

Segundo un informe da plataforma Statista, os españois botamos ao día unha media de 1 hora e 54 minutos nas redes sociais. Case dúas horas consumindo contidos de orixe diverso, pero cada vez máis segmentado.

Con tal capacidade de penetración, non cres que a día de hoxe son unha moi boa forma para promover o teu negocio? A través delas poderás captar novos clientes, pero tamén comunicarte con eles, dar a coñecer os teus servizos, crear a túa marca, gañar reputación…

A túa presencia nas redes non vai mudar de forma substancial a túa dinámica de negocio, pero é vital que esteas nelas.

Estar presente nas redes sociais non é, en si mesmo, unha estratexia de márketing dixital, pero non estalo ten por seguro que ao longo, vai minguar a túa visibilidade respecto á competencia.

O primeiro, polo tanto, é estar presente. A partir de aí debes definir a túa política de comunicación. Con elo non me refiro a cantas veces publicas ou que publicas. Senón a aspectos básicos coma a quen te dirixes e que pretendes conseguir coas túas comunicacións. Definido o “que” e o “a quen”, podes pensar despois no “como”.

Dixitalización dos procesos

Cunha tenda online en funcionamento e definida a túa presencia nas redes sociais, toca optimizar os procesos de traballo como a contabilidade, o servizo postventa ou o marketing. Trátase de axilizar os tempos destas accións grazas a unha transformación dixital.

Para elo é importante asumir que investir nestas ferramentas (ofimática, contabilidade, almacenaxe na nube…) non é tirar os cartos, senón gañar en tempo.

Comparte!

Publicaciones Similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *