Publicar os prezos dos produtos nas redes sociais: si ou non?

Hoxe imos falar dun tema comprometido e polo que preguntades moito: Publicar ou non os prezos dos vosos produtos nas redes sociais.

Se estás esperando a que che respondamos cun “si” ou cun “non”, sinto dicirche que non vas ter sorte porque o certo é que non hai unha norma absoluta nun sentido ou noutro.

As razóns polas que moitas veces os emprendedores e pequenos negocios non fan públicos os prezos son variadas:

  • Temedes que baixe a interacción coas vosas publicacións pola falta de comentarios preguntando polo custo.
  • Temedes que a competencia saiba os prezos que tedes e iso repercuta negativamente
  • Temedes que o cliente se asuste porque os considere elevados.

En principio, ningún destes motivos debería ser unha razón de peso para tomar unha decisión en contra da publicación do prezo.

O que si deberiamos ter moi en conta son os casos nos que está desaconsellado publicalos e aqueles nos que é mellor facelo.

Cando SI publicar o prezo

  • Se non temos tenda online e queremos canalizar as nosas vendas online a través das redes sociais.
  • Cando a nosa capacidade de resposta non é rápida e imos ter ao posible cliente varias horas esperando a nosa contestación.
  • Cando consideramos que o prezo do produto pode axudar ao cliente a tomar a decisión de mercalo.
  • Cando coñecer o prezo do produto facilita ao cliente o proceso de compra.

Cando NON publicar o prezo

  • Se o prezo final do produto pode sufrir variacións dun día a outro ou por esixencias do mercado.
  • Cando temos unha tenda online e a compra directa non se vai facer efectiva a través das redes sociais.
  • Cando as nosas redes sociais están enfocadas a fortalecer o noso concepto como marca.

Tendo en conta o anterior, pensa que, segundo as circunstancias, unha opción ou a outra poden ser igualmente válidas e do que se trata, coma sempre, e de ter un plan de marketing dixital e avaliar se a publicacións dos prezos dos nosos produtos resultan significativa nelas.

Comparte!

Publicaciones Similares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *